mércores, 7 de novembro de 2012

Xornada 9: C.A.S.X. - Tambre C.F. (a previa)

Este sábado 10 de novembro o deporte sobradés en xeral e o fútbol en particular están de festa. Por primeira vez na historia do Concello enfrontaranse dous equipos federados de Sobrado na disciplina de fútbol (hai anos xa houbo 2 equipos federados de fútbol sala).
Non vou utilizar os típicos tópicos de "son máis que tres puntos", "o que gaña o derbi salva a tempada" nin nada de isto porque non deixan de ser 3 puntos máis que desta volta disputamos contra moitos veciños, coñecidos e compañeiros, moitos deles con pasado no noso clube.
O Atlético Sobrado chega reforzado a este encontro logo da boa imaxe dada en Melide onde foi o primeiro equipo en conseguir derrotar ó Cire Melide nesta tempada.
O equipo de Hassan conta os seus 4 últimos partidos por victorias (Poulo, Mesía, Mesón do Bento e Cire Melide) e busca conseguir unha quinta que o reforce nos postos altos da táboa clasificatoria (agora mesmo ocupa a 3ª praza con 17 puntos a un so do líder SD Pontecarreira).
A escadra amarela presenta bos números (5 victorias, 2 empates e 1 derrota) con 17 goles a favor (o 4º equipo máis goleador) e 5 goles en contra (o 2º equipo que menos goles encaixa).
Pola súa parte o Tambre chega con 4 puntos ó derbi froito de 4 empates aínda que algúns destes empates foron contra rivais de entidade como Cire Melide en terreo alleo ou Encrobas no Municipal de Sobrado.
O partido será disputado de poder a poder e esperemos que se rompa os maleficios dos derbis polo ben do fútbol onde habitualmente se ve pouco xogo, ogalla ambos equipos brinden un digno espectáculo futbolístico e fagan disfrutar ó público que se achegue ó Municipal de Sobrado. O partido comezará as 17.00 horas e será dirixido polo señor Miguel Antonio González Rey.
No momento en que dé inicio o encontro estarase facendo historia en Sobrado dos Monxes o enfrotarse dous equipos federados da mesma localidade.
O noso equipo sabe que se quere seguir competindo como ata o de agora debe dar o callo máis que nunca porque a escadra que está enfrente é un gran equipo o que a sorte ata o de agora non lle deixou explotar todo o potencial que posee. Os exemplos dos partidos de Mesía e Melide son os que ten que seguir o Atlético Sobrado se o sábado quere conquistar os 3 puntos en litixio.
É baixa segura Pedro no Atlético Sobrado pola lesión que sufriu o pasado domingo no partido en Melide.

Ningún comentario: