venres, 7 de decembro de 2012

Xornada 13: Un "Hat Trick" de Naveira dalle o Campionato de Inverno ó C.A.S.X.

Un "Hat Trick" no derbi fronto ó Toques C.F. do pichichi do equipo Pablo Naveira supuxo na tarde de onte un feito único nos 15 anos da historia do noso clube como é conseguir por primeira vez o honorífico título de Campión de Inverno.

O equipo de Hassan estivo especialmente ben o principio de cada tempo que é onde moitas veces se gañan e perden os encontros.

O Municipal de Sobrado vibrou con un tenso derbi onde finalmente o noso equipo conseguiu levarse os tres puntos en litixio.

Saiu enchufado o C.A.S.X. e cando transcurría o primeiro minuto de encontro xa se puxo por diante no marcador. Na primeira ocasión do encontro Naveira recibe un gran pase interior de Fran e no man a man con Cabado non dubida para marcar por raso o 1-0.

Alegría no Municipal da animosa hinchada marela e xerro de auga fría nada máis comezar para o pundonoroso conxunto vermello.

O estado do céspede non axudou nada para que se puidera ver fútbol de precisión salvo contadas convinacións da parte atacante marela con Mario Varela, Chino, Fran, Dami e Naveira coma estandartes.

Dami levou pola rúa da amargura toda a primeira metade o lateral dereito toquense pero as súas boas internadas non encontraron rematador que supexera ampliar vantaxe antes de chegarse ó intermedio do encontro.

Nada máis comezar cando aínda non ía un minuto da reanudación de novo o C.A.S.X. e de novo un Naveira en forma conseguían o 2-0. Gran xogada por banda dereita de Mario Varela e o seu centro é rematado de cabeza ó fondo da rede por Naveira. Era o segundo gol da tarde para o "killer" do C.A.S.X.

O Toques ferido no seu orgullo empezou a ter máis empuxe e comezou a crear ocasións de certo perigo sobre a meta de David. Un David que no minuto 65 tivo que ser sustituido logo de encontrarse indisposto sendo Samu o seu reemplazo.

No minuto 67 ía chegar o 2-1, nunha boa xogada de ataque do equipo visitante que finalmente José rematando na área pequena conseguiu reducir distancias.

O C.A.S.X. por uns minutos veuse atrás intentando achicar auga da súa zona defensiva, o Toques tivo o 2-2 nun gran lanzamento de Bareto man a man con Samu que o cancerbeiro sobradés encargouse de desbaratar rexeitando co peito o forte chut do bravo dianteiro vermello.

Esa xogada puido cambiar ó signo do encontro pero no minuto 81 de novo un inmenso Naveira aproveitaba un rexeite dentro da área para establecer o 3-1, facendo así un "hat trick" e poñéndolle a puntiña o encontro. Con estes 3 goles Naveira sitúase na segunda praza de máximos goleadores da categoría con 11 goles, tan so por detrás de Rivera do Abellá "B" que suma 16.

O encontro de onte foi bastante accidentado para o conxunto de Hassan pois ademáis de David, Mario Varela tivo que ser sustituido logo de sangrar abundamente pola súa nariz. Jorge Ares que sustituiu a Mario Varela tamén tivo que ser atendido ó sufrir un forte cobadazo tamén na náriz pero o xove xogador marelo puido continuar ata ó final.

Rematou o encontro con outros 3 puntos para o C.A.S.X.afianzándose así no liderato por 5ª xornada consecutiva que matemáticamente o proclaman campión de inverno con 30 puntos. Agora hai que esperar á fin de semana para saber se os resultados dos inmediatos perseguidores favorecen os intereses do cadro de Sobrado.

Para a vindeira xornada (primeira da segunda volta) a Máquina Amarilla visita a casa do único conxunto que foi quen de derrotalo nos 13 partidos que van de Liga, o S.E. Abellá S.D.C. "B".

Para a vindeira semana faremos a previa do encontro.

Desde aquí felicitar a todo o plantel (xogadores e corpo técnico), compañeiros de directiva, socios e afeccioados por este honorífico título de Campión de Inverno que ten que servir como aliciente para seguir traballando coma ata agora para intentar estar o máis arriba posible ó longo de toda a tempada.

GRAZAS!!!

Ningún comentario: