martes, 30 de marzo de 2010

A.D. Vilamaior 1 - Atl. Sobrado 1

O adestrador do Atlético Sobrado, Fernando Torreiro tivo que facer verdadeiras florituras o longo da semana para poder confeccionar a convocatoria do equipo senior logo das numerosas sancións e lesións que están a asolagar o equipo.
Para o partido de Vilamaior tan so 7 homes do primeiro equipo entraron na convocatoria polo que 6 xogadores do equipo xuvenil entraron nos plans do adestrador melidense.
Fer dispuxo un once con Cuadrado en portería, Iago como lateral dereito, o xuvenil Diego Fragío lateral esquerdo, e os tamén xuvenís Iván Cabado e Miguel Combo na parcela central da defensa; en medio campo o capitán Esteban xunto co tamén xuvenil Antonio, o interior esquerdo era a zona que ocupaba Nacho e o interior dereito era para outro xuvenil Damián, en ataque Chino e Mario. Para cambios quedaron Pirulo (que volvía a unha convocatoria 2 meses despois do nacemento da súa filla) e outro xuvenil Cristian Quintela.
O partido foi bastante vistoso con oportunidades para ambos bandos, o Sobrado creou 3 boas oportunidades na primeira metade, a máis clara tivoa Mario pero cando se quedaba man a man co porteiro logo de un bo pase de Chino o seu control fóiselle moi longo e acabou o esférico en saque de portería. Pola súa banda o Vilamaior intentaba tirar de oficio e mentres o Sobrado prefería xogar o esférico polo chan o equipo local xogaba balóns aéreos aproveitando o seu potencial nesta faceta.
O primeiro gol da tarde ía chegar os 35 minutos de encontro cando o goleador Tacón atopou un balón en posición dubidosa, a uns 7 metros da área visitante, encarou a Cuadrado e marcou por abaixo.
Con este resultado chegouse o descanso.
O Atlético Sobrado non se descompuxo e saiu na reanudación en prol de acadar un resultado positivo, o equipo de Fer fixo unha soberbia segunda metade con fases de moi bo xogo e poñendo contra as cordas o seu rival. O descaro e a calidade dos xogadores xuvenís danlle un plus a este equipo que nos fai albergar moitas esperanzas para que o Atlético Sobrado teña un gran equipo en poucos anos..., co compromiso e a implicación sempre se chega lonxe.
Rozou o gol o equipo marelo en varias oportunidades e os nervos comezaban a aflorar nos locais, Chino colleu a batuta do equipo en ataque na segunda metade e foi un quebradeiro de cabeza para a defensa ordense, logo de unha boa xogada en ataque do Atlético Sobrado Chino recibe un esférico dentro da área conecta un forte lanzamento pero o porteiro visitante fai unha excepcional parada estirándose, o rexeite caelle de novo a Chino que remata de cabeza non dando tempo ó cancerbeiro local a levantarse e acada o gol do empate. Faciase xustiza pois a C.A.S.X. estaba a levar o peso do encontro. O partido dirixiase cara o final con ocasións por ambos bandos, coa banda esquerda do Atlético Sobrado dándolle verdadeiros de cabeza ó Vilamaior, con Pirulo como lateral esquerdo e Diego Fragío ó que Fer lle adiantou a posición facendo boas xogadas combinativas, ademáis Chino caia tamén a esa banda e nos momentos do partido en que estes 3 xogadores se asociaron ó equipo local sufría o indecible para tapar os ataques visitantes.
O Sobrado non aproveitou as súas oportunidades e a derradeira sería para o equipo local, logo de unha falta en medio campo o Vilamaior colgou o balón na área sobradesa, ninguén atina a despexar e un xogador local manda o balón o pao, o rexeite caeu a pes da defensa marela que mandou o esférico moi lonxe da meta de Cuadrado e o colexiado decretou o final do encontro.
Bo sabor de boca deixou o Atlético Sobrado con unha media de idade baixísima. Para o vindeiro domingo o C.A.S.X. afronta un emocioante derbi fronte un Toques C.F. que está a facer unha gran segunda volta. Volven tras cumplir sanción Miguel Liboreiro, David e Roy e algunhas das ausencias de este domingo poden voltar a convocatoria. Non o olvidedes, o domingo 4 de abril a partires das 17.00 horas no Municipal de Sobrado tedes unha cita...

Ningún comentario: